En 2023 xa se despregaron en Galicia 360 operativos de rescate e busca de desaparecidos
Un simulacro na Estrada pon de manifesto a importancia de coordinar todas as unidades despregadas
En Galicia a maioría dos desaparecidos -hai unhas 1.000 denuncias ao ano- son persoas maiores e esas desaparicións prodúcense en zonas rurais, o que moitas veces obriga a rastrexar zonas amplísimas e con orografías complicadas.
Na Estrada organizaron un simulacro para ver como se coordinan eses dispositivos de rescate.
Miramos a agulla dos segundos e vemos, con asombro, como en 8 segundos un can descobre unha vítima desaparecida entre os cascallos. Son os cans de CASAGA, adestrados para o rescate de desaparecidos. Axiña chega o rastrexo e o aviso dun segundo can de confirmación, que subliña onde deben traballar os equipos para desenterrar a persoa sepultada.
Estes equipos traballan tamén en altura, e aló onde os requiren. Estiveron, por exemplo, nos rescates tras o terremoto de Turquía. Aquí na súa terra, en Galicia, teñen entre as principais dificultades os rescates en extensións moi amplas, escarpadas e con malas condicións meteorolóxicas.
"O traballo máis importante dos cans, ademais de localizar as persoas, é descartar zonas. Onde nós traballamos que non quede a persoa no medio das silvas. Nestes casos a rapidez dos equipos é moi importante", explica Alejandro Barreiro, responsable da Unidade de Rescate Cans de Salvamento de Galicia .
No simulacro vimos un posto de mando coordinando Garda Civil, Policía, Bombeiros, Protección Civil, as diferentes unidades. Incorporáronse tamén os drons da Axencia Galega de Emerxencias, que permiten abranguer zonas máis amplas e facer o seguimento en tempo real.
"Teñen que estar perfectamente coordinados e sabendo que teñen que facer cada un en cada caso, porque hai unha preocupación tamén en Galicia, sobre todo en zonas rurais, de avisos de persoas desaparecidas. Ao ano hai uns 1.000 avisos. No que levamos de ano xa houbo máis de 300 e cando hai unha desaparición entran en funcionamento, pois, distintos corpos e forzas de Seguridade do Estado, tamén voluntarios...", explica Diego Calvo Vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro da Presidencia
Un operativo en que a coordinación resulta fundamental.