Publicador de contidos

Empresarios de Valdeorras demandan acelerar a construción da autovía A-76

Empresarios de Valdeorras demandan acelerar a construción da autovía A-76

Aseguran que para ser competitivos precisan de boas comunicacións e din que a situación actual frea a instalación de novas empresas na zona

G24.gal 25/09/2023 16:22

En Valdeorras, empresarios e veciños denuncian a parálise da A-76, a autovía entre Ourense e Ponferrada. Insisten en que esta vía de comunicación é fundamental para o futuro da comarca. As obras do primeiro treito, na zona de León, deberían licitarse este ano, pero por agora non se sabe nada.

Esta é unha das principais zonas produtoras de lousa de toda España. Quiroga, Valdeorras e O Bierzo agrupan unhas 60 empresas do sector. Para todas elas a A-76 é unha prioridade. "Nós exportamos o 95 % do que producimos. Parte vai para o porto de Vigo, parte por outras zonas, pero para nós é unha infraestrutura fundamental para ser máis competitivos. Xa non é outra cousa o tempo é o que se mide", di Severino González, xerente do Clúster da Lousa de Galicia.

Un tempo de viaxe que vai cada vez a máis. A única opción é a Nacional 120. 

Unha situación que afecta a lousa, pero tamén outros sectores como o viño e o resto de empresas, case unhas duascentas que hai na zona. "Están aquí establecidos e os que non veñen é precisamente porque non temos boas comunicacións. Non lle podes dicir a novas empresas que se instalen aquí cando non hai comunicacións para saír practicamente", di Teresa García, xerente de AEVA.

Por iso esixen que A-76 da que comezou a falarse hai dúas décadas deixe de ser un proxecto sobre o papel e comece a executarse.

Segundo as últimas declaracións dende o Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana, as obras do primeiro treito, na zona do Bierzo, deberían saír a licitación antes de que remate o ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Publicador de contidos