Empate agridoce para Rácing e Ourense CF na Malata (1-1)
O Ourense CF fixo un gran partido, e adiantouse no marcador, pero igualou Concha tras o descanso
Os das Burgas seguen sen gañar, e o Rácing encadea tres xornadas sen vitoria
Dous partidos nun e polémica final. Pode ser un titular do derbi entre o Racing e mailo Ourense Club de Fútbol. Se os das Burgas chegaban á Malata como últimos non o pareceron nin de lonxe nun primeiro tempo excelso, no que maniataron ao equipo ferrolán.
Marcaron un gol, aos 10 minutos, nunha acción na que Adrián Guerrero é o que centra e Hugo Sanz o que marca. Foi o único dos visitantes pero mereceron máis. A máis clara, case contra o descanso. Outra xogada de vertixe que o fenomenal disparo de David Muñoz atopa a non menos xenial resposta de Miquel Parera e a complicidade do poste.
Salvouse o Racing. Pablo López moveu tres pezas no intermedio. Un dos que entrou foi david Concha, o home que fixo o empate aos 16 do reinicio. Foi o executor nunha xogada na que participan Jairo Noriega, co toque co calcaño, e Álvaro Giménez, coa asistencia. Un gran gol que ratificaba o cambio de decoración do partido.
E así seguiu ata o final. Antón Escobar tívoa para gañar e no tempo engadido o VAR adquiriu protagonismo,. Ou non. Xa que as imaxes non desmontaron as decisións inicais do árbitro. Non interpretou como máximo castigo un agarrón e tampouco un contacto sobre Jairo. O criterio inamovible do colexiado Ruíz Álvarez deixou o derbi en táboas.