Emoción pola visita da raíña Sofía ás zonas devastadas polos incendios do Courel e Rubiá
A monarca puido conversar cos veciños que perderon as súas vivendas a causa do lume
O Delegado do Goberno en Galicia e a Conselleira de Medio Ambiente acompañaron a Raíña no seu percorrido, no que non faltaron as gaitas
Aplausos para a raíña Sofía á súa chegada a Folgoso do Courel, onde se interesou pola restauración das áreas afectadas polos incendios do ano 2022. A monarca tamén puido conversar cos veciños que perderon as súas vivendas a causa do lume.
Minutos antes vivírase unha escena semellante en Rubiá, onde Sofía foi recibida tamén con agarimo e emoción.
O delegado do Goberno en Galicia e a conselleira de Medio Ambiente encabezaron a comitiva que acompañou a raíña no seu percorrido, no que tampouco faltaron as gaitas.
A raíña Sofía desprazouse a Galicia para coñecer os traballos de recuperación realizados tras os incendios forestais, no marco do convenio de colaboración entre a Fundación Raíña Sofía e a Xunta de Galicia.
No seu percorrido, dúas actuacións financiadas pola fundación, que achegou 65.000 euros para restaurar espazos naturais protexidos afectados polos lumes de 2025 e anos anteriores.
En Rubiá, a actuación centrouse na rehabilitación dunha alvariza tradicional no Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. En Folgoso do Courel, o proxecto consistiu na creación dunha masa mixta de frondosas de 1,37 hectáreas na aldea do Vilar, onde o castiñeiro centenario resultara danado polo incendio.
Esta aldea foi a que sufriu as peores consecuencias dos lumes do 2022 no sur de Lugo, que arrasaron 11.100 hectáreas entre os concellos de Folgoso do Courel, A Pobra do Brollón, Quiroga e Samos. A fundación da Raíña Sofía comprometeuse a colaborar na plantación de castiñeiros, tras a retirada das especies queimadas hai uns meses.
O de Folgoso do Courel foi un dos incendios máis grandes da historia da nosa comunidade. Arderon 11.100 hectáreas desa reserva da biosfera e tardaron 14 días en extinguilo.