A Xunta pon en marcha a maior auditoría enerxética de España en portos e polígonos industriais
A sociedade mixta Recursos de Galicia calcula ter os primeiros resultados en doce meses
Emilio Bruquetas, CEO de RDG: "Deseñamos as mellores solucións para mellorar a eficiencia enerxética e facer unha Galicia máis competitiva"
A sociedade mixta, Recursos de Galicia, participada pola Xunta, ten en marcha a primeira grande auditoría enerxética de España.
Durante os próximos doce meses analizará 193 parques empresariais públicos e 122 portos de interese autonómico co obxectivo de blindar a seguridade eléctrica das industrias galegas e tentar "resistir" ante apagamentos xerais coma o do pasado 28 de abril.
Nunha entrevista no 'Bos días' da TVG, o CEO de Recursos de Galicia, Emilio Bruquetas, indicou que o obxectivo é "avaliar os recursos naturais, analizar as redes enérxeticas e deseñar as mellores solucións para mellorar a eficiencia enerxética e facer unha Galicia máis competitiva".
"Analizamos o corazón da competitividade de Galicia e deseñamos ferramentas para abaratar custos e descarbonizar a economía"
Trátase, segundo Emilio Bruquetas, de facer unha diagnose sobre "canta enerxía necesitamos" para sacarlle todo o partido posible a eses polígonos e portos en Galicia. "O que facemos é analizar o corazón da competitividade de Galicia e deseñar ferramentas para abaratar custos e descarbonizar a economía".
Para facer a auditoría Recursos de Galicia axudarase de ferramentas como a intelixencia artificial ou a análise masiva de datos. Calcula que tardarán un ano en ter os primeiros resultados. Confían contar coa participación de todo o tecido industrial de galego para propoñerlles solucións de autoconsumo centradas nas enerxías renovables.
"O que faremos á analizar os terreos dispoñibles arredor de portos e polígonos para instalar estas fontes de enerxía renovable" co obxectivo de que as enerxías renovables "vaian directamente á industria e á economía de Galicia".