Educación dixitaliza o protocolo de absentismo do alumnado galego para "reducir a burocracia"
Outros dos obxectivos é "facilitar o proceso á hora de analizar e compartir datos entre Fiscalía de Menores, servizos sociais e demais axentes implicados"
Segundo a Xunta, esta actualización enmárcase no Plan para a simplificación das tarefas burocráticas no eido educativo
Arquivo TVG
A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP dixitaliza o protocolo de absentismo do alumnado galego co obxectivo de "reducir a burocracia". Así o asegurou este xoves o conselleiro Román Rodríguez na presentación do novo Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar en Galicia entre o alumnado.
"Trátase dun documento que simplificamos e dixitalizamos coa participación dos equipos directivos e profesorado para reducir o traballo nos centros e na Inspección Educativa", destacou Rodríguez nunha conferencia de prensa en Santiago.
Segundo debullou a Xunta nunha nota de prensa, os avances no protocolo tradúcense non só na súa tramitación por vía dixital, senón tamén na síntese do procedemento. Ademais de axilizar o proceso, o obxectivo desta dixitalización é facilitar o proceso á hora de "analizar e compartir" datos entre Fiscalía de Menores, servizos sociais e demais axentes implicados.
Neste contexto, o conselleiro reivindicou un sistema "que funciona" e insistiu en que esta actualización non pretende modificar o contido esencial do protocolo, "senón perfeccionalo, facelo máis áxil, máis claro e máis útil para quen o aplica no día a día".
O titular do departamento educativo da Xunta, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, explicou que esta actualización enmárcase no Plan para a simplificación das tarefas burocráticas, unha das principais accións do Acordo de avance do sistema educativo asinado coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UXT e CSIF.
"A través deste plan estamos a revisar 50 procedementos administrativos que se realizan, con maior ou menor intensidade, na actividade habitual dos centros e que supoñen unha carga burocrática importante que queremos aliviar para os docentes", sinalou o conselleiro.
"Unha vez completemos o seu desenvolvemento, o plan supoñerá un aforro de máis de 120.000 horas de traballo administrativo por curso no conxunto do sistema e uns 600 pasos nos procedementos", incidiu, á vez que insistiu en que o absentismo en Galicia é "case residual, dado que os casos representan un 0,07 % da poboación escolar".
Román Rodríguez sinalou que este curso están a aplicarse as primeiras medidas, con accións como a dixitalización deste protocolo, do de reclamación e revisión de cualificacións finais e do procedemento de intervención dos equipos de orientación específica.
Protocolo educativo para a prevención e control do absentismo escolar
O Protocolo educativo para a prevención e o control do absentismo escolar ten como principal obxectivo a detección temperá deste tipo de casos para evitar que afecten á vida académica e persoal dos alumnos, polo que se dá prioridade á implicación das familias e á colaboración e a coordinación entre institucións na prevención e abordaxe destas situacións.
O documento establece que o control de asistencia se realiza diariamente polo profesorado ao comezo de cada sesión.
As faltas de asistencia deben xustificarse ante a titoría nun prazo máximo de dous días lectivos, e se un alumno chega ao 6 % do horario mensual con faltas sen xustificar, a titoría contacta coa familia e, se se chega ao 10 %, valórase a apertura dun expediente de absentismo, deixando constancia das comunicacións realizadas, precisa a Consellería nun comunicado.
A tramitación deste expediente de absentismo ten como obxectivo buscar solucións conxuntas entre o centro e a familia.
O procedemento inclúe tres fases: comunicación á xefatura de estudos, valoración da apertura do expediente e reunión coa familia para analizar a situación e propoñer medidas. Se non se reconduce a situación, esta notifícase aos servizos sociais, á Inspección educativa e, se procede, á Fiscalía de Menores, explica o departamento educativo.