Echo & The Bunnymen, Bongeziwe Mabandla e Mari Froes, no cartel do Festival Noroeste
Celebrarase entre o 5 e o 8 de agosto na Coruña e será gratuíto
Os escenarios son a praia de Riazor, as prazas de María Pita e Azcárraga, o parque de Santa Margarita, o Campo da Leña, O Portiño e o castelo de San Antón
Imaxe da banda británica Echo and The Bunnymen. Europa Press (Arquivo)
Echo & The Bunnymen, Bongeziwe Mabandla e Mari Froes conforman as primeiras confirmacións do XXXIX Festival Noroeste Estrella Galicia, que se celebrará na Coruña entre os días 5 e 8 de agosto.
A praia de Riazor, as prazas de María Pita e Azcárraga, o parque de Santa Margarita, o Campo da Leña, O Portiño e o castelo de San Antón serán os escenarios desta edición.
A presentación desta nova edición tivo lugar no Palacio de Deportes de Riazor, lugar que acolleu en 1986 o primeiro concerto deste festival.
"Un dos máis salientables de Europa grazas á súa ampla variedade de estilos, que van desde o jazz e o rythm&blues ao post-punk, o rock e o metal", indicou a alcaldesa, Inés Rey.
No acto, participaron tamén o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro; o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; o representante de Hijos de Rivera, Víctor Mantiñán, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen lembrou que é a terceira vez que a Xunta colabora nesta iniciativa coa que, engadiu, A Coruña convértese "nun lugar de referencia da música".
Á súa vez, Xosé Regueira incidiu na "dinamización económica" que supón este evento, mentres que o representante de Hijos de Rivera remarcou que serán "sete escenarios para todos os gustos". "Gratuítos para o público porque hai un esforzo das administracións e patrocinadores", subliñou a rexedora.
Nesa edición, a música en galego terá unha importante presenza con referentes como Sés ou Catuxa Salom. Completan este primeiro anuncio Ana Lúa Caiano, Anna Andreu, Dorian, Fantastic Negrito, A Cadela Blanco, MFC Chicken, Moura e Pamela Rodríguez.