Publicador de contidos

Publicador de contidos

É unha obriga agasallar os mestres?

É unha obriga agasallar os mestres?

Este costume xera polémica entre os pais e provoca situacións incómodas entre os docentes

Moitos centros escolares de Cataluña xa están prohibindo aceptar regalos das familias

No mercado existe un amplo abano de agasallos personalizados
G24.gal 17/06/2025 12:32

Chega o final de curso e son moitas as familias que deciden premiar os mestres dos seus fillos. 

 "Se é bo profe, pois non está mal".

"Non me parece mal que se faga, tampouco creo que sexa imprescindible ou necesario".

"Para min é un recoñecemento a un traballo, a un traballo ben feito", opinan varias familias.

"A nós gústanos moitísimo, porque é como un recordo que nos queda desa clase ou deses nenos", conta María Alonso, xefa de estudos do CEIP Raíña Fabiola.

Os grupos de WhatsApp son polo xeral a canle de comunicación entre as familias para elixir o regalo.

"Si, na nosa clase montouse un grupo de WhatsApp e facilitou moito a compra do regalo", apunta unha nai.

Pero ás veces son tamén un foco de tensión, sobre todo cando o regalo supón un desembolso que non todas as familias se poden permitir.

"A ver, é o noso traballo, entón non hai que premiar nesa escala tan grande, un simple debuxo dos nenos ou un detalle", opina a mestra.

As flores son un recurso que nunca pasa de moda.

"Aínda se leva, veñen buscar ramiños de flores, algunha plantiña, pero é o que menos", informa Mari Carmen Arzúa, propietaria da florería Lilas.

Agora teñen máis éxito os agasallos personalizados: cuncas, bolsas e mesmo produtos típicos da terra.

"Hai quen lle regala a bata enteira, porque o profesor utiliza a bata e póñenlle todos os debuxiños e todos os nomes por toda a bata", explica Yolanda Salvado, xerente de Doña Camiseta.

"Son detalles que podemos facer a partir dende 10 euros, bastante económicos", apunta Pilar Devesa, xerente de Ideas Bbc.

A polémica xorde cando os regalos non son tan económicos. Xera conflito entre as familias e en moitos casos poñen os mestres nunha situación incómoda.

"Non me sentiría ben se me regalasen pois unha xoia ou un tal", expresa a profesora María Alonso.

"O profesor nese momento vese na obriga de aceptar, tampouco podes coller e dicirlles: miren señores, non quero isto", narra unha mestra de secundaria.

 "Sairía un pouco do que eu entendo como un agasallo de corazón", conclúe a xefa de estudos do CEIP Raíña Fabiola.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade