Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dúas mulleres feridas ao baterlles varios rolos de herba

Dúas mulleres feridas ao baterlles varios rolos de herba

Unha das feridas permanece na UCI no hospital de Coruña logo de ser operada de urxencia

Un remolque con varios rolos de herba envorcou golpeando dúas mulleres, de 78 e 82 anos, en Señoráns, Vimianzo

G24.gal 07/03/2023 14:14

No concello de Vimianzo, dúas mulleres resultaron feridas onte á tarde ao bater nelas uns rolos de herba prensada que transportaba un tractor. Unha das feridas, de 78 anos, permanece na UCI no hospital de Coruña, despois de ser operada de urxencia.

As mulleres, de 78 e 82 anos, ían camiñando por unha estrada do lugar de Señoráns, na parroquia de Salto, como adoitan facer cada día, cando de súpeto a carga que levaba un tractor golpeounas.

Por causas que se descoñecen, o remolque do tractor, cargado con varios rolos de herba, envorcou, batendo directamente nas dúas mulleres. As marcas que deixou o golpe do carro no chan, son mostra do pesado que era o cargamento, centos de quilos cada rolo de herba.

Eran arredor das catro e media da tarde cando os servizos de emerxencias foron alertados do suceso. Ao chegar ao lugar, as dúas mulleres estaban tendidas no chan con feridas de diversa consideración. As dúas son veciñas da aldea próxima a Señoráns, de Torelo, e nun primeiro momento foron trasladadas en ambulancia ao hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Ante as feridas internas que presentaba a de 78 anos, varias costelas rotas e danos no bazo, a muller foi sedada e derivada ao CHUAC, onde permanece, en estado grave, na UCI, despois de ser operada de urxencia.

A outra muller ferida recupérase xa na súa casa dunha importante fenda na cabeza e de varias contusións nos brazos.

Tráfico da Garda Civil de Corcubión segue a investigar as causas da perda da carga do tractor. Ao lugar tamén se desprazaron os bombeiros do parque de Cee, Policía Local e Protección Civil de Vimianzo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade