Dúas menores, feridas leves por un fallo nunha atracción das festas de San Froilán
Foron evacuadas polo equipo sanitario ata o centro hospitalario de referencia, segundo informou o 112

Dúas menores quedaron feridas de carácter leve nunha atracción das festas de San Froilán, en Lugo, que experimentou un fallo a pasada noite, cando a barra do asento as golpeou cando estaban a bordo.
Era xa pola noite e dúas rapazas montaron nesta atracción do feiral. Ao empezar a funcionar, caeron ao chan, aparentemente debido a un fallo humano, xa que malia que levaban a barra protectora posta, non quedara fixada co pasador que reforza a seguridade, de xeito que sen esa caravilla reforzando a barra, esta abriuse e foi así como caeron as cativas.
Segundo as testemuñas, as rapazas non sufriran feridas de gravidade, pero foron levadas inmediatamente ao HULA para comprobar o alcance das mesmas e para que estiveran en observación.
Con todo, por precaución, pechouse a barraca e un enxeñeiro do Concello, outro enxeñeiro externo, o comisario do recinto e outros técnicos estiveron revisando a atracción para garantir que volva funcionar con seguridade.
Todas as barracas do recinto feiral, previo ao seu funcionamento, sométense a un estrito control e supervisión, tanto por parte de persoal do Concello como por empresas alleas para garantir o seu funcionamento correcto e a súa seguridade.
Con todo, este ano xa se produciron máis problemas dende que empezaron a funcionar o pasado 29 de setembro, xa que nesta semana unha muller rompeu unha perna noutra barraca distinta e un home bateu coa cara contra outra das atraccións, polo que tiveron que poñerlle puntos de sutura.