Dúas enfermeiras do CHUO que naceron o mesmo día e traballaron xuntas, xubílanse
Foron despedidas con aplausos e moito agarimo do persoal de dixestivo do hospital de Ourense
Juana e Justa marchan co orgullo de ter dado durante máis de 40 anos o mellor de si pola sanidade pública

E contámoslle agora unha historia humana que aconteceu no hospital de Ourense. Dúas enfermeiras que naceron o mesmo día e que traballaron nos últimos anos no mesmo servizo, xubiláronse hoxe xuntas.
Un día de moita emoción no que, din, marchan co orgullo e a felicidade de ter dado o mellor de si para a sanidade pública. Tamén durante a pandemia.
Moi emocionadas, Juana e Justa recibiron hoxe os aplausos e o agarimo dos seus compañeiros e compañeiras do hospital de Ourense.
Traballaron de enfermeiras xuntas e hoxe xubílanse xuntas. Apaixonadas da súa profesión, comezaron con só 19 e 20 anos a traballar. Máis de corenta anos ao servizo dos seus pacientes.
Marchan cun recordo moi bonito, din, e con esta brincadeira do persoal do CHUO: a sala 3 de exploracións de dixestivo, onde as dúas traballaban nos últimos anos, traspásase por xubilación.
O máis duro, estes dous anos de pandemia.
Proclámanse para a súa despedida, unha vez máis, defensoras da sanidade pública pola que, din, dérono todo. Agora piden saúde para poder desfrutar desta merecida xubilación.