Dous policías salvan a vida dun peregrino en Baiona
Os axentes fixeron a reanimación cardiopulmonar a un home de 68 anos que ceaba nunha terraza de Baiona
Un peregrino salvou a vida en Baiona grazas á intervención de dous policías locais. Sufriu unha parada cardiorrespiratoria e a rápida actuación dos axentes evitou unha traxedia.
A formación en primeiros auxilios salva vidas. Sábeo ben o peregrino que estaba ceando cun grupo na terraza dun restaurante de Baiona cando sufriu unha parada cardiorrespiratoria. A rápida intervención de dous axentes da Policía Local salvouno de morrer. Atopárono tendido no chan e iniciaron as manobras de reanimación cardiopulmonar ata que chegou o médico.
Leo Miranda, policía local de Baiona, recoñece que é a primeira vez que ten que usar os coñecementos adquiridos nos cursos de primeiros auxilios que reciben no Corpo. Conta que el e o seu compañeiro Adrián estaban a menos de trinta segundos do local en que un home quedara tendido no chan en parada cardiorrespiratoria, e que, mentres non chegaba o médico, os técnicos da ambulancia e mais eles traballaron para reanimar o peregrino e estabilizalo.
Os axentes tiñan formación en primeiros auxilios e usaron correctamente o desfibrilador que lle salvou a vida ao peregrino, que foi evacuado ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. A súa formación axudou a evitar unha traxedia, xa que nestes casos a posibilidade de supervivencia redúcese ata un 10 % cada minuto que pasa.
Leo e Adrián non ocultan a sua satisfacción polo traballo ben feito, e a responsabilidade que implica facer unha reanimación a unha persoa real, e non ao boneco cos que se practica. Os policías locais recibiron o recoñecemento do Concello de Baiona, que salientou a excelente actuación que lle salvou a vida ao peregrino.