Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dous mortos no maior ataque masivo con drons na xornada electoral de Rusia

Dous mortos no maior ataque masivo con drons na xornada electoral de Rusia

Segundo o alcalde de Moscova, Serguéi Sonianin, trátase do maior ataque contra Moscova, no que desde a xornada de onte nas proximidades da capital foron derrubados máis de 1.600 drons

REUTERS/Stringer REUTERS/Stringer
G24.gal 20/09/2026 10:17

​​​​​​Dúas persoas morreron e ma´si de 20, entre elas tres menores, resultaron feridas este domingo na rexión de Moscova por un ataque ucraíno con drons na principal xornada das eleccións parlamentarias en Rusia, informaron as autoridades locais.

De acordo co gobernador da rexión de Moscova, Andréi Voroviov, as vítimas mortais son unha muller de 44 anos e un home ancián que se atopaban nas súas casas, cando estas foron atacadas por drons.

Dos 21 feridos, 15, incluídos tres menores, foron hospitalizados, indicou o gobernador.

Segundo o alcalde de Moscova, Serguéi Sonianin, trátase do maior ataque contra Moscova, no que desde a xornada de onte nas proximidades da capital foron derrubados máis de 1.600 drons.

"O maior ataque con drons inimigos xamais perpetrado contra Moscova foi repelido", escribiu Sobianin en redes sociais.

No territorio da capital, agregou, varios drons alcanzaron a refinería de petróleo e un impactou contra un edificio residencial.

Segundo o rexedor da capital, o "ataque sen precedentes" buscaba perturbar as eleccións lexislativas rusas, que comezaron o venres e concluirán esta noite.

"O inimigo fracasou", asegurou Sobianin.

REUTERS/Stringer REUTERS/Stringer

Voos cancelados

Case 450 voos foron aprazados ou cancelados este domingo nos aeroportos moscovitas por un dos maiores ataques con drons contra a rexión de Moscova e a capital rusa, informaron medios locais.

No principal aeroporto da capital, Sheremétievo, foron cancelados máis de 30 voos e preto de 250 foron aprazados, de acordo co diario Kommersant.

"Parte dos avións que se dirixían a Sheremétievo foron desviados a outros aeroportos e chegarán ao seu destino cando se levanten as restricións", explicaron no servizo de prensa de Sheremétievo.

Previamente, as autoridades moscovitas informaron sobre dous mortos e máis de 20 feridos polo ataque masivo de drons, que ten lugar no terceiro e principal día das eleccións lexislativas en Rusia.

En total, polo menos 11 localidades da rexión de Moscova informaron de distinto tipo de consecuencias pola caída de fragmentos de drons.

O Comité de Instrución ruso informou, pola súa banda, da apertura dun caso penal por ataque terrorista sobre obxectivos da rexión de Moscova e a capital rusa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade