Publicador de contidos

Publicador de contidos

O BNG acusa a Xunta de "electoralismo" co novo plan de residencias

O BNG acusa a Xunta de "electoralismo" co novo plan de residencias

Olalla Rodil pide unha xestión pública directa de todos os centros a través da Axencia Galega de Servizos Sociais

G24.gal 19/09/2026 18:23

A portavoz de Política Social do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou a Xunta de "electoralismo" tras anunciar un novo plan de residencias co que proxecta crear 1.800 novas prazas en 25 novos centros "en concellos maioritariamente gobernados polo PP", concretamente no 92% dos casos, segundo denunciou a formación nacionalista.

A este respecto, o BNG rexistrou varias iniciativas no Parlamento galego para esixir que a Xunta asuma a xestión pública directa de todos os centros anunciados e pendentes de construción a través da Axencia Galega de Servizos Sociais.

Nesta liña, a portavoz de Política Social do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, criticou que se constrúan estes centros "sen ter en conta as listas de espera ou as necesidades da poboación dos demais concellos galegos", aos que a Xunta "nin consultou".

"O BNG sempre defendeu que o criterio para distribuír novos equipamentos de carácter social pasa por fortalecer a rede pública naqueles lugares onde existe unha maior demanda, unha maior lista de espera a día de hoxe para optar a unha praza nunha residencia de maiores", aclarou Rodil, quen recalcou que o dereito a unha vellez digna "é un dereito fundamental que non pode acabar sendo obxecto do negocio e do lucro dun puñado de empresas".

Por outra banda, a deputada nacionalista alertou de que o Goberno galego xa avanzou que 700 prazas dos novos centros proxectados serán entregadas a empresas privadas. Así mesmo, advertiu de que as 1.100 prazas restantes sufrirán previsiblemente o mesmo proceso de privatización, seguindo o precedente das residencias construídas pola Fundación Amancio Ortega en Lugo, Santiago de Compostela, A Coruña, Pontevedra e Ferrol.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade