Dous meses sen noticias de Isaura Vázquez, a octoxenaria desaparecida en Lugo
A muller, de 85 anos, desapareceu o pasado 8 de xullo
Dúas unidades caninas especializadas en localización de restos humanos da Policía Nacional chegaron a Lugo para participar na súa busca
Vanse cumprir dous meses desde que non se sabe nada de Isaura Vázquez, unha octoxenaria que desapareceu o pasado 8 de xullo en Lugo.
O último que se soubo dela é que ese día estivo nunha froitería na Avenida da Coruña, onde a captaron as cámaras de seguridade. O seu fillo Francisco di que dende ese momento se perdeu completamente a pista e non saben que ruta puido coller.
Familiares, amigos e forzas de seguridade levan dende aquela buscando a Isaura sen sorte. Toda unha veciñanza implicada en atopala.
"Hai moita xente que vai mirando por todos os sitios cando vai camiñar, en bicicleta en piragua... están pendentes buscándoa. Pero nada. Non aparece. Estamos moi agradecidos a toda esta xente que nos está apoiando e tamén á policia", di Francisco.
Esta semana chegaron dende Madrid dúas unidades caninas especializadas na procura de restos humanos.
"Van estar aquí buscando por zonas con vexetación porque a zona urbana foi bastante peiteada sen éxito", di Manuel Arias, voceiro da Policía Nacional en Lugo.
Son dous meses de desacougo para a familia de Isaura.
"O que queremos é que apareza coma sexa porque xa levamos moito tempo nesta incerteza", di o seu fillo.
Isaura, de 85 anos e complexión miúda, levaba o día da desaparición unha chaqueta malva, pantalón negro e un sombreiro claro.