Dous dos menores feridos ao ceder a balaustrada dun balcón en Vimianzo continúan ingresados
Un deles permanece ingresado na UCI do Hospital Clínico de Santiago
O terceiro menor afectado xa se atopa na casa
Dous dos menores feridos ao ceder a balaustrada do balcón dun primeiro piso en Vimianzo na tarde do sábado continúan ingresados, un deles, o que tivo que ser evacuado nun helicoptero medicalizado, na UCI do Hospital Clínico de Santiago.
Así o confirmaron a Europa Press fontes coñecedoras da situación, quen ademas indican que o terceiro menor afectado xa se atopa na casa.
O 112 Galicia tivo constancia deste suceso dez minutos despois das 18.00 horas do sábado, a través dun particular que se atopaba no lugar dos feitos, na Rúa Álvaro Cunqueiro, en Vimianzo.
O alertante explicou que cedera a varanda do balcón do primeiro piso dunha vivenda e que dous menores necesitaban asistencia sanitaria. O 112 activou un operativo no que participaron Urxencias Sanitarias de Galicia-061, así como efectivos dos bombeiros de Cee, a Garda Civil, a Policía Local e os voluntarios de Protección Civil de Cee.
Os bombeiros confirmaron á súa chegada que non había persoas atrapadas entre os entullos. Dous dos feridos foron evacuados a un centro hospitalario, un deles a bordo do helicóptero medicalizado con base en Santiago, de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. O terceiro foi trasladado ao PAC de Vimianzo.