Publicador de contidos

Publicador de contidos

Feridos dous axentes da Garda Nacional nun tiroteo preto da Casa Branca

Feridos dous axentes da Garda Nacional nun tiroteo preto da Casa Branca

Un sospeitoso foi detido e a zona atópase acordoada

REUTERS/Nathan Howard REUTERS/Nathan Howard
G24.gal 26/11/2025 21:16 Última actualización 26/11/2025 23:01

Dous axentes da Garda Nacional resultaron feridos este mércores nun tiroteo preto da Casa Branca, no que foi detida unha persoa que se atopa en estado crítico.

Os disparos producíronse na esquina entre a rúa 17 e a rúa I, no noroeste de Washington, a poucos pasos da residencia presidencial.

As forzas da orde responderon rapidamente e ordenaron ás persoas viandantes que tomasen refuxio nos edificios próximos.

A Policía local anunciou pouco despois que o agresor foi detido e que a zona se atopa acordoada.

Os dous axentes e o agresor foron trasladados a hospitais, anunciou o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, que se atopa na súa mansión de Mar-a-Lago, en Florida, pola ponte de Acción de Grazas.

"O animal que disparou aos dous gardas nacionais, ambos gravemente feridos e agora en hospitais separados, tamén está gravemente ferido, pero, a pesar de todo, pagará un prezo moi alto", declarou Trump na súa rede Truth Social.

Segundo testemuñas na escena do crime, escoitáronse dous disparos e a xente comezou a correr.

"Vimos como levaban dúas padiolas en ambulancia. Nunha delas había un señor con roupa militar, espero que estea ben", dixo a EFE Mohammed El-Katabi, un home de Atlanta que se atopa en Washington visitando un amigo.

"Cando marcharon as ambulancias, comezaron a sobrevoar helicópteros e había moitos policías", engadiu.

A Garda Nacional despregouse en Washington en agosto pasado por orde de Trump co argumento de combater a criminalidade na cidade, unha das máis violentas do país.

Nun inicio, a alcaldesa capitalina, a demócrata Muriel Bowser, opúxose á despregadura, argumentando que a policía local lograra un descenso nos homicidios, pero logo Trump eloxiou o goberno local asegurando que decidiron cooperar coas forzas federais.

Unha xuíza federal ditaminou a semana pasada que a despregadura de tropas da Garda Nacional na capital é ilegal e que o Goberno debe retirala antes do 11 de decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade