Ningún voo sairá de Baraxas con destino a Venezuela tras a alerta dos EUA
Entre as aeroliñas que suspenderon voos están Iberia, Air Europa, a portuguesa TAP, a colombiana Avianca, a trinitense Caribbean, o brasileira GOL e a chilena Latam
O Goberno estadounidense considera dende este luns a Maduro membro do grupo terrorista do cártel dos Soles
Ningún voo con destino a Venezuela sairá este luns do aeroporto de Madrid-Baraxas, despois da alerta emitida o venres pola autoridade aérea estadounidense, que instou a extremar a precaución ao sobrevoar o país suramericano e o sur do mar Caribe.
Air Europa e Plus ultra suspenderon tamén os seus voos previstos para este martes entre Madrid e Caracas.
Fontes da aeroliña de Globalia, que ofrece cinco frecuencias semanais ao país latinoamericano, explicaron este luns a EFE que, tras a decisión de cancelar a súa operativa con Venezuela, renovará os voos entre Madrid e Caracas "cando as condicións sexan adecuadas".
Pola súa banda, fontes de Plus ultra, que opera entre Madrid e Caracas con tres frecuencias semanais, sinalaron a EFE que, de momento, suspenden o voo que ían operar este martes, e logo verán o resto da operación entre ambas as capitais.
A autoridade aérea estadounidense instou o pasado venres os voos comerciais a extremaren a precaución ante o que considera unha situación potencialmente perigosa na rexión, aviso que coincide coa despregadura militar de Washington na zona para facer presión ao Goberno de Nicolás Maduro.
A situación prodúcese no medio da despregadura militar ordenada polo Goberno do presidente dos Estados Unidos Donald Trump en augas do Caribe próximas a Venezuela para loitar contra o narcotráfico.
A campaña estadounidense iniciouse en setembro e, ata a data, consistiu en bombardear lanchas de civís presuntamente vinculadas ao tráfico de drogas.
Estes ataques estendéronse a augas do Pacífico e deixan ata o momento máis de 80 mortos.
O aumento da presenza militar estadounidense no Caribe fai que os venezolanos asentados en Galicia se manteñan día e noite pendentes do que poida suceder no seu país. O Goberno estadounidense considera dende este luns a Maduro membro do grupo terrorista do cártel dos Soles.
Roberto Mansilla Blanco, analista xeopolítico internacional, explica que "hai unha estratexia intimidante por parte da administración Trump para quebrar a cúpula militar que mantén a Maduro no poder. Poderíamos ver a posibilidade de ataques cirúrxicos a instalacións militares"
María Fernanda Ruiz, presidenta da Asociación de Pensionados de Venezuela en Galicia, destaca que "o réxime está acurralado. É unha ditadura. O que ven é a liberdade de Venezuela".
Enriba da mesa todo un abano de especulacións xeopolíticas, con referencias a Rusia ou Turquía, que inclúen o posible destinos de Maduro no caso da súa saída de Venezuela.