Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dispárase a demanda de 'pellets', máis caros que o ano pasado

Dispárase a demanda de 'pellets', máis caros que o ano pasado

Os fabricantes comezan a repercutir o aumento de custos pola suba da factura enerxética

Nos países europeos que dependían da oferta rusa falta produto e os prezos baten récords

Dende o Clúster da Biomasa de Galicia fan unha chamada á calma: aquí non haberá desabastecemento

G24.gal 29/08/2022 14:54 Última actualización 29/08/2022 15:55

Os fabricantes de pellets din que este é un ano atípico: as vendas disparáronse xa no verán, e os que compraban un palé ao ano, están comprando catro ou cinco. Unha "psicose", di o presidente do Clúster da Biomasa de Galicia, que vén contaxiada pola situación en Europa. 

"En Europa hai medo real ao desabastecemento, porque hai pellet de Rusia ou Bielorrusia que non está a chegar", explica Francisco Álvarez. A situación aquí é outra, pero di que a xente está adiantando as súas compras, e que están a amorear "máis cantidade da que realmente precisan". 

O mesmo perciben na fábrica de 'pellets' sonense Madeiras Ornanda. "A xente parece que quere ter pellet na casa, por medo a non ter", afirma o seu xerente, Xosé Luís Rodríguez.

Hai medo a non ter, e medo a que sigan subindo de prezo. O saco de quince quilos pasou nun ano dos 4,50 euros aos 7, pero hai países europeos batendo récords de ata 14 euros por saco.

Aquí os prezos soben, sobre todo, porque a factura eléctrica multiplicouse por catro nas industrias. "Na fabricación de pellets é fundamental a enerxía eléctrica, así que este ano repercutíronse algo as subas", di Xosé Luís Rodríguez. Di que, de momento, só repercutiron entre un 15 e un 20 por cento, pero prevé que o prezo poida seguir subindo. 

Con todo, dende o clúster din que estamos en mellor situación que no resto de Europa. Aquí somos produtores, así que nin vai encarecer tanto, nin vai haber problemas de abastecemento. Explica o seu presidente, Francisco Álvarez, que en Galicia hai catro fábricas e que teñen capacidade para aumentar un 50 por cento a produción. Así que pide "tranquilidade, porque produto hai".

E malia que suba de prezo, lembran que a biomasa segue sendo a enerxía máis económica: é un setenta por cento máis barata que a eléctrica.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade