Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dispáranse as solicitudes para rexistrar galiñeiros de autoconsumo

Dispáranse as solicitudes para rexistrar galiñeiros de autoconsumo

G24.gal 25/03/2024 16:59

Nas últimas semanas disparáronse as solicitudes para rexistrar os galiñeiros de autoconsumo. É un trámite obrigatorio desde comezos de ano e ademais é imprescindible para poder mercar novas aves.

En tendas agrarias como esta de Xinzo axudan os clientes co trámite de legalizaren os seus galiñeiros. Nas últimas semanas non paran de recibir solicitudes. O número de currais inscritos en toda Galicia xa supera os 45 mil, unha cifra que se multiplicou por tres desde o pasado mes de novembro.

A normativa estatal que obriga a dar de alta os galiñeiros para autoconsumo aprobouse no ano 2021, no real decreto que regula a avicultura. No rexistro da Xunta deben inscribirse os galiñeiros domésticos con menos de 30 galiñas poñedoras ou menos de 50 polos de engorde.

O trámite é de balde, pode facerse a través da sede electrónica da Xunta ou de xeito presencial cubrindo o formulario nas Oficinas Agrarias Comarcais. Na solicitude hai que especificar o número de aves, se se crían ao aire libre ou a cuberto e as coordenadas de localización, que é o que máis problemas lles está causando a moitos afectados.

Nesta época do ano é cando mais galiñas se venden para repoñer nos galiñeiros, pero nas tendas agrarias non poden vendelas se o cliente previamente non deu de alta o seu curral.

A obrigatoriedade do rexistro está provocando unha importante caída nas vendas de galiñas para autoconsumo. Nesta tenda o normal é que vendan arredor de 900 polos e máis de 500 galiñas á semana, pero agora están vendendo menos da metade.

Desde A Asociación de Tendas Agrícolas de Galicia, que agrupa 2.000 establecementos, din que a caída das vendas é preocupante.

A obrigatoriedade do rexistro non afecta só ás galiñas, senón tamén a outras especies, como parrulos, ocas, pavos ou pombas. O obxectivo da normativa é mellorar o control sanitario das aves e ter os currais localizados ante posibles focos de gripe aviaria.

A inscrición dos galiñeiros no rexistro seguirá aberta durante todo o ano. O incumprimento da medida pode dar lugar a un apercibimento, se non hai mala fe por parte do afectado, ou a sanción de entre 600 e 3.000 euros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade