Dimite o alcalde de Silleda despois de dez anos no cargo ao non conseguir pactar o seu salario
Manuel Cuíña gobernou dúas lexislaturas con maioría absoluta e nestas últimas eleccións pactou co BNG

O alcalde de Silleda Manuel Cuíña (PSdeG-PSOE) presentou a súa dimisión, apenas un mes despois de tomar posesión por terceira vez como rexedor do municipio, ao non chegar a un acordo co BNG para os salarios do seu goberno.
Tras gobernar dous mandatos con maioría absoluta, os socialistas perderon o control da corporación ao lograr seis edís, fronte aos cinco do PP e os dous do BNG, cos que Cuíña tentou infrutuosamente acordar as dedicacións do seu equipo.
Nun pleno extraordinario celebrado este mércores, o alcalde propuxo cobrar uns 52.000 euros brutos anuais, xunto con dous salarios de 30.000 e 26.000 euros para dous dos seus concelleiros.
Pero a súa proposta non foi aprobada, tras recibir os votos en contra dos concelleiros populares e nacionalistas, e tras a sesión optou por dimitir despois de dez anos no cargo.
Manuel Cuíña renunciou tamén á súa acta de concelleiro e, por agora, será a súa tenenta de alcalde, a edil Mónica González, a que exerza como alcaldesa en funcións ata que se convoque unha nova sesión de investidura.
"A min o BNG xamais me deu unha oportunidade, nin como concelleiro nin como alcalde", sostivo Cuíña durante o pleno, no cal defendeu que isto foi por cuestións "persoais". Acusouno de "deixar caer" un alcalde "cuxo único delito foi gañar eleccións".
O portavoz do PP Ignacio Maril lamentou que o alcalde non mostrase a súa disposición "para rebaixar un céntimo" o seu salario ou negociar coa oposición e indicou que a proposta presentada polo equipo de goberno "non estaba xustificada".
A nacionalista Erea Rey, pola súa banda, lamentou que se chegase a esta situación "por testán" e por non querer baixar o soldo o alcalde, e lembrou que o BNG realizou unha contraoferta que supoñería só 3.000 euros menos do que quería Cuíña.