Trump rompe a negociación comercial co Canadá
Os EUA vén o imposto aos servizos dixitais das tecnolóxicas coma un ataque "directo e flagrante"
O presidente acusa ao país veciño de copiar á UE o gravame
O ministro de Finanzas francés xa advertira da obrigatoriedade de abonar o imposto dixital vixente no Canadá antes do luns 30 de xuño

O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, decidiu romper este venres con efecto inmediato a negociación comercial co Canadá, tras reprocharlle a ese país a súa intención de gravar os servizos dixitais ás tecnolóxicas estadounidenses.
"Acabamos de ser informados de que o Canadá, un país co que é moi difícil comerciar, incluído o feito de que cobrou aos nosos agricultores aranceis de ata un 400 % durante anos sobre os produtos lácteos, acaba de anunciar que gravará os servizos dixitais ás nosas empresas tecnolóxicas, o que é un ataque directo e flagrante ao noso país", dixo na súa plataforma, Truth Social.
Debido a ese gravame, segundo engadiu, os EUA dan por terminadas "todas" as discusións comerciais co Canadá "con efecto inmediato".
"No próximos sete días comunicaremos ao Canadá o arancel que pagará para facer negocios cos Estados Unidos", afirmou Trump. Ademais, dixo que o país veciño está a copiar á Unión Europea a imposición dese arancel sobre as tecnolóxicas.
O prazo oficial para chegar a novos pactos tras a aplicación por parte de Trump dos mal chamados "aranceis recíprocos" acababa este próximo 9 de xullo, pero o líder republicano xa deixara caer este venres que podería estendelo ou acurtalo e que non se pecharían pactos con todos.
O ministro de Finanzas canadense, François-Philippe Champagne, advertiu a semana pasada que o imposto dixital segue en vigor no Canadá e que o primeiro pago, que afecta, entre outras, a grandes multinacionais estadounidenses como Meta, tense que realizar o vindeiro luns 30 de xuño.
O imposto, que se aplicará de forma retroactiva desde 2022, é un 3 % dos ingresos por encima de 20 millóns de dólares que as empresas obteñen de servizos dixitais de residentes canadenses.
Champagne tamén indicou que a aplicación do imposto dixital formaba parte das negociacións comerciais que Washington e Ottawa estaban a manter tras a imposición de aranceis por parte da Administración de Trump.