Publicador de contidos
Publicador de contidos

Diego Calvo: "O Ministerio de Transportes ten que tomar en serio Galicia"

Diego Calvo: "O Ministerio de Transportes ten que tomar en serio Galicia"

O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes insiste na necesidade dunha reunión co ministro Óscar Puente para abordar os asuntos pendentes

Diego Calvo tacha de "desprezo" a actitude do comisionado do Corredor Atlántico Ferroviario

Asegura que insistirán na transferencia da titularidade da AP-9 e na aplicación de descontos importantes

G24.gal 05/05/2024 08:59 Última actualización 05/05/2024 12:59

O conselleiro da Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, pídelle ao Goberno central, en concreto ao Ministerio de Transportes que "tome en serio Galicia", "as infraestruturas de Galicia" ao considerar que nestes momentos ten "abandonada" a comunidade. Abandono que Calvo lle atribúe ao feito de que a "Sánchez non lle importa Galicia" e a cor política da Xunta é diferente da do Goberno.

Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega, Calvo resume deste xeito a falta de información por parte do Executivo central respecto a proxectos ou infraestruturas estatais en Galicia. 

Na conversa, o conselleiro de Presidencia -que ten as competencias autonómicas de Mobilidade no novo Goberno Rueda- insistiu, nalgunhas veces ata con sorna ao engadir "un parece de chiste", que os datos que teñen son os que publican os medios de comunicación.

A falta de información que lle apón ao Ministerio é sobre a oferta, frecuencias dos trens AVRIL, da posta en funcionamento da liña de baixo custo AVLO de Renfe, dos atrasos nas obras de reparación da A-6 ou da liña ferroviaria Ourense-Monforte. Segundo Diego Calvo, "no AVE, vémolo na vía, no viaduto... creo que este Ministerio adoece dunha xestión integral".

"O Ministerio ten que tomar en serio Galicia. Que os galegos voten unha opción distinta ao Goberno que ten no Estado non é suficiente causa para que deixe abandonada Galicia. Eu creo que hai que tomar en serio as infraestruturas de Galicia, hai que comprometerse coas infraestruturas de Galicia. Non pedimos máis que ninguén pero dende logo non imos permitir que se nos teña abandonado como estabamos abandonados a día de hoxe". 

O exemplo desa falta de información ou mesmo de "desprezo" para Calvo é a actitude do comisionado do Goberno para o Corredor Atlántico Ferroviario, que tras máis dun ano no cargo aínda non se reuniu na Xunta. Algo que o conselleiro de Presidencia considera que "non é de recibo". 

"Unha cousa é reclamar información, unha cousa é queixarse de que sabemos as cousas ás veces polos medios de comunicación e outra cousa é un desprezo que está a facer este señor (o comisionado) con toda Galicia".

Por todo isto Calvo xulga imprescindible unha reunión co ministro de Transportes.

"O único que estamos a pedir continuamente é ter a posibilidade de sentar a unha mesa de que nos dean información que necesitamos e que é necesaria para Galicia. Que nos aclaren e garanta os investimentos necesarios en temas de AVE, de conectividade, de autoestradas e estadas que tamén son importantes para Galicia e que levamos moito tempo sen saber nada do Ministerio porque non se digna a sentar connosco". 

De feito, tras dicir que lle parece "fantástico" que o ministro de Transportes se reunira co alcalde de Vigo, a continuación engadiu que o que non lle parece normal é que non se reunira coa Xunta de Galicia, co presidente da Xunta ou con algúns dos conselleiros que teñen competencias.

Sobre a xuntanza de Óscar Puente con Abel Caballero, Calvo destaca que mentres o rexedor olívico aseverou que o ministro lle garantía o AVE por Cerdedo, na nota de prensa da reunión non se fai mención sobre o tema.  

"O único que defende, ou que fala ou que di que se falou nesa reunión sobre esa conexión é o alcalde de Vigo. Eu non estiven na reunión e non sei se é verdade. Pero o que é certo é que na nota do Ministerio non se di absolutamente nada". 

AP-9 

Diego Calvo tamén foi preguntado pola decisión de Portugal de eliminar as peaxes en sete autovías e a idea da Xunta respecto á autoestrada do Atlántico. Expresou o seu desexo en que o PSOE tanto en Galicia como en España votase coma fixeron os seus homólogos portugueses. Engadiu a continuación que a idea da Xunta é "reclamar a titularidade,  os fondos necesarios e que se adopten descontos importantes". 

Competencias de mobilidade

Diego Calvo, que neste novo mandato de Alfonso Rueda coma presidente da Xunta, asume as competencias de Mobilidade no seu departamento, indica que unha das súas apostas será o "tratamento uniforme en todo o transporte" porque asumirá tamén o "transporte escolar" que estaba en Educación e non en Infraestruturas.

Entrevista completa na Radio Galega
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos