Día de festa en Vigo para celebrar a gran temporada do Celta
A alerta amarela por choivas e tormentas obrigou a cancelar todas as actividades ao aire libre programadas nos arredores de Balaídos
Día de festa en Vigo, día para festexar a gran temporada do Celta. Nin o mal tempo estraga a troula.
A alerta amarela por choivas e tormentas que a Axencia Estatal de Meteoroloxía estableceu para a provincia de Pontevedra obrigou o Celta a cancelar todas as actividades ao aire libre programadas para a xornada deste sábado nos arredores de Balaídos.
"Sentímolo moito, celtismo, pero nestas circunstancias de forza maior temos que garantir a seguridade de todos os nosos afeccionados e das persoas traballadoras involucradas na Xuntanza", destaca a entidade presidida por Marian Mouriño no seu comunicado de prensa.
O club tamén sinala que o partido da última xornada de LaLiga que enfrontará ao Celta co Sevilla a partir das nove da noite en Balaídos "non se verá afectado".
Na festa de fin de tempada estaba prevista a actuación de Baiuca, unha das referencias máis importantes da música galega actual, Dirty Suc e Os Varacuncas, entre outros grupos.
Pero malia a ameaza de chuvia, nos arredores do estadio o ambiente está a ser moi animado desde primeira hora da mañá. Maiores e pequenos comparten xogos e comida mentres agardan o incio do partido.
Así as cousas, na Televisión de Galicia, estaremos todo o día pendentes para contarlles todo o que dea de si esta xornada apaixoante cun En Xogo especial dende as once menos vinte desta noite.
O Celta vai xogar competición europea por segundo ano consecutivo. E este noite, tras o enfrontamento co Sevilla en Balaídos, saberase se xoga Conference ou Europa League. Cun empate finalizaría sexto.