Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dez cuartetos participan no clásico concurso de gaita de Ponteareas

Dez cuartetos participan no clásico concurso de gaita de Ponteareas

O vencedor deste ano foi o grupo Gargallada, da Coruña

O certame cumpre a súa edición número 57, cada vez con máis nivel

G24.gal 20/09/2025 21:48 Última actualización 20/09/2025 22:52

Ponteareas acolleu este sábado unha nova edición do seu concurso de gaita. Dez agrupacións participaron na edición deste ano, a número 57, que demostra o bo nivel dos intérpretes deste instrumento senlleiro da música popular galega.

O inconfundible son da gaita encheu este sábado as rúas de Ponteareas. Os participantes quentan palleta nos intres previos á actuación no concurso. Gaiteiro nácese e hai quen xa descobre a afección dende cativo.

"Eu con cinco anos xa empecei, meus pais leváronme a unha clase de gaita, eu escoitei a música e quería entrar alí", conta Brais Outerelo, membro do cuarteto "Mandeime de Fartar", de Moaña.

Tamén se pode contaxiar, en lugares de xoldra e música popular.

"O furancheo ten moito perigo, é o que ten. Non levedes os vosos fillos aos furanchos porque acaban sendo gaiteiros", chancea un mozo compoñente do grupo "Os Mangacarballos", de Mos.

Dez cuartetos, de distintos puntos de Galicia, dende Mos ata Ortigueira, participaron na edición deste ano. O nivel é cada vez máis elevado.

"O nivel é cada vez maior, hai mellores intérpretes. Prepáranse máis, teñen mellor formación. O instrumento entrou xa nos conservatorios e os mestres están moi ben formados", sinala Antonio Gutiérrez, un dos membros máis veteranos do xurado.  

O traballo de investigadores e artesáns fan da gaita un instrumento cada vez máis rico.

"Ten matices infinitos, diferentes xeitos de tocar, en pechado, en aberto. Hai diferentes tonalidades, por exemplo, eu teño unha gaita en re, nós tocamos en re, pero aquí hai quen tamén toca en dó, en si bemol, dó sostido. Gaitas con dúas tonalidades, dó, sol...", apunta Marcos Castro, do cuarteto "Lume de Cana", de Bembrive, en Vigo, gaiteiro veterano con dúas décadas de participación no certame.

O concurso de Ponteareas é dos máis antigos e prestixiosos do país. O grupo Gargallada da Coruña foi o gañador da edición deste ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade