Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detidos en Oroso seis integrantes dun grupo especializado no roubo de cable de cobre

Detidos en Oroso seis integrantes dun grupo especializado no roubo de cable de cobre

Empregaban unha furgoneta para localizar control policiais e asegurar a zona, mentres a outra agardaba información para comezar o roubo

Realizaban as operacións en horario nocturno e con vehículos de alugueiro para evitar ser identificados

Están acusados de participar en 13 subtraccións de cable de cobre

(Garda Civil) (Garda Civil)
G24.gal 23/05/2025 11:11

A Garda Civil de Santiago de Compostela desarticulou un grupo criminal especializado na subtracción de cable de cobre e detivo a seis dos seus integrantes no concello de Oroso, aínda que non descartan novas detencións.

A operación, baixo o nome Redcupru, iniciouse o un de maio despois de detectar un roubo de cable do tendido telefónico na localidade de Touro.

No transcurso da investigación, os efectivos identificaron presuntos integrantes deste grupo itinerante, pescudando tamén o seu modus operandi. Este consistía en establecer unha base operativa, en Santiago de Compostela, onde pasaban a noite en vehículos e desde alí se desprazaban a diferentes zonas para a vixilancia e selección de obxectivos.

Preferentemente optaban por zonas boscosas próximas a estradas secundarias onde o trazado do tendido telefónico é paralelo á vía e realizaban a operación en horario nocturno con vehículos de alugueiro co obxectivo de dificultar a identificación dos membros do equipo por parte das autoridades.

Tras seleccionar o obxectivo, o grupo, “perfectamente estruturado e xerarquizado”, segundo a Garda Civil, desprazábase en dous vehículos de forma que o primeiro facía os labores de vixilancia tratando de detectar os posibles controis policiais, transmitindo esta información en tempo real ao segundo vehículo, que agardaba instrucións para comezar o roubo.

Destaca o Instituto Armado que esta práctica, unida á súa gran mobilidade xeográfica e ao constante cambio de localización, complicaba notablemente a súa detección e seguimento por parte das forzas de seguridade.

En base á información recompilada, os investigadores determinaron a posible localización do próximo roubo, establecendo un dispositivo especial de seguimento e vixilancia, o cal conduciu á interceptación do grupo, en plena fuxida, na peaxe da AP-9 en Sigüeiro, Oroso.

Os axentes procederon ao rexistro dos dous vehículos localizando nunha das furgonetas máis de 3.100 quilogramos de cable de tendido telefónico, e na outra, ferramentas de corte, roupa escura e luvas.

Os seis detidos están acusados de trece delitos de roubo de cable telefónico, un de pertenza a grupo criminal, un de danos e un de apropiación indebida.

Ademais, incautáronse de dous vehículos, así como os efectos atopados polo que o cable de cobre foi devolto “ao seu lexítimo propietario, a empresa Telefónica España S. A.”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade