Detidos dous homes na Coruña por catro roubos con forza en vivendas
Os detidos están acusados de asaltar vivendas en Oleiros, Santiago de Compostela e en Igualada, na provincia de Barcelona
A Policía Nacional da Coruña detivo dous homes como presuntos autores de catro roubos con forza. Dous deles nos últimos días. Os arrestados teñen 30 e 40 anos de idade.
Ao parecer, o último roubo foi na mañá do día 12 de maio nunha vivenda unifamiliar habitada, nunha urbanización de chalés de Santiago. Xa dentro, víronse sorprendidos polos donos da casa e fuxiron.
Segundo confirmou a policía, accederon á vivenda "saltando o valado do xardín e despois logran abrir unha porta de cristal para entrar na casa. Unha vez dentro, os ladróns quedan sorprendidos pola presenza dos habitantes da casa, e en canto se dan conta abandonan a vivenda, polo que só conseguen roubar algo de roupa na súa fuxida".
A policía tamén lle atribúe un roubo no polígono coruñés de Pocomaco, na tarde do 11 de maio. De alí, supostamente, levaron un teléfono móbil e un ordenador portátil.
Segundo os investigadores, tamén asaltaron outras vivendas en Oleiros e no concello de Igualada, na provincia de Barcelona Barcelona. Tras detelos, os axentes recuperaron diverso material roubado, así como ferramentas que empregaban nos seus asaltos. Ambos foron postos xa a disposición xudicial.