Arrestan un dos atracadores da sucursal de Abanca na rúa Ramón Nieto de Vigo

Dúas persoas asaltaron a entidade o pasado martes e levaron tres mil euros 

Tomaron un ancián como refén e ameazaron o persoal e a clientela con pistolas

 

A sucursal atracada o martes pasado A sucursal atracada o martes pasado
G24.gal 11/11/2023 11:18 Última actualización 11/11/2023 21:08

Axentes da Comisaría de Vigo-Redondela, do grupo UDEV (Delincuencia Especializada e Violenta) detiveron un dos supostos autores do atraco ocorrido o pasado martes na sucursal de Abanca da rúa Ramón Nieto, na cidade de Vigo. 

Segundo informa este sábado a Policía Nacional, dous homes armados accederon ao interior da entidade cun ancián como refén, que se atopaba no caixeiro exterior, ao que lle ataron as mans con bridas. 

Unha vez dentro, ameazaron o persoal e a clientela con pistolas e solicitaron a apertura da caixa forte. A expectación que provocaron no exterior fixo que fuxiran á carreira cos cartos que había no mostrador, uns tres mil euros, e dous teléfonos móbiles.

Xa na noite do mércores detiveron un dos asaltantes mentres proseguen as pescudas para arrestar o outro implicado. O grupo de investigación tenta relacionar feitos anteriores nos que puidese ter participado. 

De acordo coa Policía, está implicado noutro roubo con violencia e intimidación con arma de fogo ocorrido nunha discoteca en Redondela hai uns días. Os seus dous cómplices neste caso tamén foron detidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade