Detido por lle amputar o beizo dunha mordedura a un coñecido
Ocorreu nun céntrico local nocturno de Ourense, o venres pasado
Un mozo de 25 anos foi detido en Ourense por lle amputar parte dun beizo a un coñecido seu, durante unha disputa nun local de ocio nocturno. Segundo a vítima, primeiro intentou agredilo cun martelo e, finalmente, mordeulle o labio inferior.
O suceso, que acaba de transcender, ocorreu ás sete e media da mañá do Venres Santo, xa de día pero sen apenas movemento na rúa por ser xornada festiva. O ferido, un home venezolano de 30 anos, foi atendido polo 061 alí mesmo, na parada do autobús, dunha amputación parcial do labio inferior.
Antonio Mosquera, voceiro da Policía Nacional de Ourense: "Chamaron a policía porque había unha persoa agredida, cunha lesión na boca. Cando chegaron, o rapaz estaba sendo atendido pola ambulancia. Presentaba un corte no labio inferior".
A propia vítima explicoulles aos axentes o que pasara: que un coñecido seu o intentara agredir primeiro cun martelo e que, finalmente, o mordeu no labio inferior.
Antonio Mosquera, voceiro da Policía Nacional de Ourense: "Conseguiron evitar a agresión, entre el mesmo e un camareiro, pero despois dun tempo o propio rapaz botóuselle enriba e mordeuno no labio. Empezou a sangrar e saíron fóra, chamar a policía e mais a ambulancia".
O presunto agresor, un mozo colombiano de 25 anos, seguía dentro do local cando chegaron os axentes. "Aínda tiña restos de sangue na boca, así que foi detido, trouxérono a dependencias xudiciais e, desde aquí, ao xulgado", explica Mosquera.
Local conflitivo
O detido quedou en liberdade con cargos. Xa é coñecido da policía, que atribúe os feitos a disputas previas entre os dous implicados. Na zona, o centro da cidade, os veciños quéixanse detrás das cámaras do ambiente que se xera ao redor deste local, denunciado en distintas ocasións, a última por unha festa ilegal con medio cento de persoas en plena pandemia.