Detido polo furto de 1.800 metros de cable eléctrico da iluminación pública en Ourense
En total, o prexuízo patrimonial ocasionado ascendeu a 10.850 euros
Imaxe de arquivo da Policía Nacional
Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Ourense detiveron un individuo como presunto autor de furto de 1.800 metros de cableado eléctrico da iluminación pública de Ourense, que causou un prexuízo ao Concello, entre o material subtraído e os danos provocados, de máis de 10.000 euros.
Segundo informaron fontes policiais, a investigación iniciouse tras unha primeira denuncia formulada por responsables do servizo eléctrico do Concello, que informaban da subtracción duns 600 metros de cable de cobre da iluminación. Este roubo provocou que varias rúas do barrio do Vinteún quedasen sen luz.
En días posteriores formuláronse outras dúas denuncias, polo roubo doutros 1.200 metros de cable en total, nunha arqueta pública situada nunha rúa do barrio da Ponte. En total, o prexuízo patrimonial ocasionado ascendeu a 10.850 euros.
As pescudas foron levadas a cabo por axentes da UDEV, que lograron identificar e deter o presunto autor dos feitos, que xa foi posto á disposición xudicial.