Publicador de contidos

Publicador de contidos

Prisión provisional sen fianza por prender lume no complexo deportivo do Carme en Vigo

Prisión provisional sen fianza por prender lume no complexo deportivo do Carme en Vigo

A maxistrada decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido por provocar un incendio nas inmediacións da piscina municipal do Carme

As instalacións están no barrio das Travesas, moi preto do lugar onde se produciu o incendio onde faleceron a semana pasada catro persoas

G24.gal 16/10/2023 10:57 Última actualización 16/10/2023 18:41

A maxistrada decretou prisión provisional, comunicada e sen fianza para o detido por provocar un incendio nas inmediacións da piscina municipal do Carme, situada a 200 metros do que hai unha semana acabou coa vida de catro persoas. Por fortuna aquí non houbo que lamentar danos persoais. O detido é un home de 37 anos, que xa fora detido por feitos similares en Vigo.

Pasaban as once e media da noite cando comezaba o incendio no complexo deportivo do Carme. Segundo as primeiras investigacións, unha limpadora que estaba dentro escoitou dúas explosións, e foron os veciños os que alertaron os bombeiros. A colaboración cidadá foi clave para que a policía detivera pouco despois un home como suposto autor do incendio.

Esta era a imaxe que ofrecía a pasada medianoite o pavillón multiúsos do Carme, no barrio das Travesas en Vigo. Un incendio provocado que comezou ás once e media. Segundo explicou unha limpadora da piscina do complexo, o incendio comezou antes das once e media, cando escoitou dous fortes golpes que a asustaron. Os veciños asustáronse pola altura das lapas, moi preto das súas vivendas. 

Segundo as primeiras investigacións, o autor do ataque rompeu un cristal da porta e guindou ao interior algún obxecto co que prendeu o lume A zona que ardeu tiña colchonetas e material moi inflamable que usa o equipo de natación sincronizada.

A piscina reabriu con normalidade está mañá, porque só ardeu a sala multiúsos anexa á porta principal. Técnicos municipais traballan arreo para recolocar as actividades de adestramento en seco de natación e danza. Os usuarios sorprendíanse segundo chegaban ás instalacións.

Os testemuños de dous veciños que viron saír un home correndo logo de prender fogo foi clave para a detención do home pouco despois. Trátase dun varón de 37 anos, coñecido das forzas da orde, e reincidente por causar incendios e danos en varios puntos da cidade. Esta mañá estaba previsto que pasara a disposición xudicial, imputado dun delito de danos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade