Detido en Sada unha banda que roubaba esnafrando coches contra os escaparates
A Garda Civil arrestou catro persoas, unha delas menor, tras unha persecución na localidade coruñesa
A Garda Civil detivo en Sada catro persoas, entre elas un menor de idade, acusados de cometer roubos con forza esnafrando coches en establecementos da Coruña, Lugo e Asturias.
Os axentes localizaron en Sada dous vehículos denunciados como subtraídos e estableceron un dispositivo de vixilancia.
Durante o seguimento, identificaron unha vivenda alugada que o grupo utilizaba como base temporal para desprazarse entre provincias e dificultar a súa localización.
O 18 de xaneiro os axentes interceptaron os sospeitosos cando se dispoñían a abandonar a vivenda nun dos vehículos roubados.
Ao detectar a presenza policial, os ocupantes emprenderon a fuxida. A persecución rematou a poucos metros ao chocar o coche contra mobiliario urbano.
No interior da vivenda onde vivía o grupo, os axentes atoparon chaves de varios vehículos subtraídos, diñeiro en efectivo e teléfonos móbiles.
Os axentes interviñeron tamén case 50 paquetes de tabaco de procedencia ilícita, roupa presuntamente empregada nos roubos —como luvas e pasamontañas— e lanternas, mandos de garaxe e útiles de forza.
Aos detidos impútanselles delitos de roubo con forza, subtracción de vehículos, danos, contra a seguridade do tráfico e integración en grupo criminal.
No marco da operación recuperáronse tres turismos roubados en Culleredo, Vedra e Llanera, ademais dunha minimoto subtraída tamén en Asturias.
Entre os feitos esclarecidos figuran roubos polo método de esnafrar o coche contra o escaparate en establecementos de Brión e Curtis, así como varios asaltos en territorio asturiano.
Tras pasar a disposición xudicial, o xulgado decretou o ingreso en prisión dun dos detidos e o internamento do menor nun centro de reeducación.
Os outros dous implicados quedaron en liberdade con cargos.
A Garda Civil mantén a investigación aberta e non descarta novas detencións.