Detido en Lleida o sexto implicado na liorta de Pontevedra
Trataba de fuxir a Francia nun coche compartido
Está considerado o autor principal das coiteladas aos tres mozos feridos
A Policía arrestou en Lleida un sexto implicado na liorta de Pontevedra. Considérao o autor principal dos feitos e, segundo parecía, trataba de fuxir a Francia.
O detido viaxaba nun coche compartido cando o interceptou a policía, nun posto fronteirizo de La Seu d'Urgell. Sobre el había unha orde de busca e captura emitida despois da liorta e estaba considerado o autor principal das coiteladas aos tres mozos feridos. Fuxira despois dos feitos, segundo confirmou o subdelegado do Goberno, Abel Losada.
O detido está sendo investigado por un delito de lesións agravadas e homicidio en grao de tentativa, os mesmos cargos que a maxistrada do Xulgado Número 3 de Pontevedra ditou para outros tres implicados: dous ingresaron en prisión comunicada e sen fianza o sábado pasado, e outro este mércores. Outros dous participantes na liorta quedaron en liberdade coa obriga de comparecer no xulgado periodicamente.
Os feitos ocorreron o día tres de xuño, na praza de Barcelos e a plena luz do día. Dous dos feridos permanecen aínda ingresados no hospital Montecelo mentres que o terceiro, menos grave, xa recibiu a alta.