Piden 25 anos de cárcere por encerraren durante anos aos seus fillos nunha casa en Oviedo
Cometeron delitos de detención ilegal e violencia psíquica entre outros
Os menores chegaban ata a camiñar dobrados e presentaban diversos problemas de saúde

A Fiscalía do Principado de Asturias solicita unha condena total de 24 anos e 4 meses de prisión para os pais acusados de manter aos seus tres fillos nunha casa de Fitoria, Oviedo, durante case 4 anos.
O Ministerio Fiscal sostén que dende decembro de 2021, os acusados, nai estadounidense e pai alemán, conviviron nunha localidade de Oviedo cos seus fillos menores de idade. Achácanselles delitos de violencia psíquica habitual e detención ilegal.
Na casa só figuraba empadroado o acusado. Os resto dos familiares non constaban en ningún rexistro público nin na escola nin na Seguridade Social.
Durante o tempo nesa casa, os acusados puxéronse de acordo para privar das necesidades educativas, sanitarias, emocionais e sociais aos seus fillos.
Así, encerráronos no interior da vivenda, illándoos do mundo de maneira total. Os rapaces non coñecían a ninguén máis ca aos seus pais, nunca saíron ao exterior en 4 anos polo temor dos acusados a que estes se contaxiasen de algo.
Ao nunca seren escolarizados, os nenos aprendían por si mesmos, con asistencia esporádica dos pais. Así, dous dos menores, con 8 anos, non sabían ler ou escribir no momento no que os atoparon.
Tampouco tiveron un seguimento sanitario da súa saúde, pois a última vez que foron ao médico foi en 2019. Os pais eran os seus doutores.
Contaban con material suficiente para saneamento, coma medicamentos comprados sen prescrición médica.
Os nenos presentaban problemas de control de esfínteres, ocasionados pola utilización indebida e prolongada de cueiros.
A vivenda estaba en malas condicións de limpeza, con cantidades de lixo excesivas.
Os menores camiñaban dobrados
Por outro lado, o mobiliario era insuficiente para as súas necesidades. Os xemelgos durmían en berces nos que non collían e seu irmán nunha cama moi pequena para el.
Todo isto produciu que camiñasen dobrados, tivesen dificultades para actividades como subir escaleiras e desenvolvesen onicomicose.
Como consecuencia, os menores sofren distocia social, que os atrasará na incorporación á sociedade.
Por autos do 30 de abril de 2025 do Xulgado de Instrución Número 3 de Oviedo acordouse a prisión provisional, comunicada e sen fianza dos acusados e mais a suspensión cautelar da patria potestade, garda e custodia sobre os seus fillos.
Tamén se declarou o desamparo dos menores e a asunción da tutela por parte do Principado de Asturias.
Delitos e penas
A Fiscalía considera que estes feitos constitúen delitos de violencia psíquica habitual no ámbito familiar e detención ilegal, coa circunstancia agravante de parentesco.
Por cada un dos delitos de detención ilegal e abandono de familia, as penas son de 7 anos e 8 meses de prisión. A da prohibición de aproximación aos menores ou lugares frecuentados por estes é de 8 anos e 6 meses, e, por último, teñen a prohibición de comunicación por calquera medio ata o total cumprimento da pena.
O Ministerio Fiscal tamén solicita unha indemnización de 15.000 euros a cada menor polos danos morais.