Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen en Madrid o fuxitivo das tatuaxes, incluído na lista dos dez máis buscados

Deteñen en Madrid o fuxitivo das tatuaxes, incluído na lista dos dez máis buscados

Foi detido por un caso de abuso sexual en 2017 e levaba 5 anos agochado nun alpendre en Colonia Jardín

O 31 de xullo prescribía o seu caso, polo que se intensificaron os labores de busca

Lista dos dez máis buscados.  Policía Nacional Lista dos dez máis buscados. Policía Nacional
G24.gal 23/07/2025 10:10

Álvaro Pasquín Mora, tamén coñecido coma o fuxitivo das tatuaxes, foi detido en Colonia Jardín (Latina) logo de pasar cinco anos oculto nun alpendre dunha casa. Está incluído na listaxe dos dez máis buscados pola Policía Nacional.

Os axentes da Policía Nacional detiveron onte este fuxitivo, responsable dun delito de abuso sexual en 2017 en Madrid que prescribía o 31 deste mes de xullo.

A investigación comezou no 2020, cando se emite unha reclamación xudicial para a súa detención. Tras non o atoparen coas habituais vías, os axentes engadírono á lista dos 10 máis buscados para obter información del mediante a cidadanía.

A policía conseguiu información a través do correo electrónico habilitado para esta función, losmasbuscados@policia.es, e, coas tarefas da Sección de Localización de Fuxitivos, deron co seu paradoiro.

Os investigadores atoparon que vivía agochado nun alpendre detrás dunha vivenda do barrio madrileño de Colonia Jardín. Alí realizaba pedidos de comida a domicilio cunha identidade falsa. Tamén cambiou o pelo para maior disimulo.

Ocultouse alí durante 5 anos, esperando a que prescribise a reclamación este 31 de xullo. Isto fixo que se intensificase o labor policial.

Pasquín Mora xa foi posto ao dispor da autoridade xudicial, quen decretou o seu inmediato ingreso en prisión.

A colaboración cidadá nas buscas

En xullo de 2024, a Policía Nacional lanzou a campaña dos 10 fuxitivos para atopalos e xulgalos. Nestes dous anos, xa se arrestou seis prófugos, e quedan catro por localizar.

Calquera persoa que poida achegar algún dato que facilite a súa localización pode facelo, de forma confidencial, a través do correo lomasbuscados@policia.es.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade