Detido en Cangas por catro roubos con violencia a persoas vulnerables
A Garda Civil atribúelle asaltos cometidos entre novembro de 2025 e xullo de 2026 sobre vítimas ebrias ou con discapacidade
A Garda Civil detivo en Cangas un veciño de 47 anos como presunto autor de catro roubos con violencia cometidos entre novembro de 2025 e xullo deste ano. Segundo a investigación, o sospeitoso escollía vítimas especialmente vulnerables, aproveitando que se atopaban baixo os efectos do alcohol ou presentaban algunha discapacidade.
O primeiro dos asaltos produciuse en novembro de 2025, cando un home de 50 anos foi abordado diante dunha entidade bancaria e sufriu o roubo do bolso tras un forte tirón. Meses despois, en febreiro, o agora detido intentou roubarlle a carteira a outro home en estado de embriaguez.
En xuño, presuntamente, golpeou outro home e rouboulle o diñeiro e unha caixa de tabaco. O último caso investigado ocorreu o pasado 5 de xullo, cando, segundo a Garda Civil, atacou por detrás un home con discapacidade para subtraerlle a faldriqueira.
Tras a súa detención, o investigado quedou en liberdade, coa obriga de comparecer ante a autoridade xudicial cando sexa requirido.