Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres dos detidos por unha pelexa en Ferrol intentaran agredir sexualmente unha muller

Tres dos detidos por unha pelexa en Ferrol intentaran agredir sexualmente unha muller

A pelexa produciuse sobre as sete e media da mañá deste domingo e nela participaron unhas 30 persoas

No enfrontamento, varias persoas quedaron feridas e algunhas delas por arma branca; ningún dos feridos reviste gravidade

G24.gal 01/06/2025 13:49 Última actualización 01/06/2025 20:54

Varias persoas foron detidas tras unha pelexa multitudinaria, na que estiveron involucradas máis de 30 persoas, nas proximidades dunha discoteca situada no barrio ferrolán de San Xoán de Filgueira.

O suceso produciuse sobre as sete e media da mañá deste domingo e a magnitude do altercado mobilizou un amplo dispositivo de seguridade.

Parecía a típica pelexa de madrugada á saída dun local nocturno, pero agora sábese que se iniciou porque, supostamente, tres dos cinco detidos intentaron agredir sexualmente unha muller nun portal próximo e que foron varias as persoas as que o impediron.

Ata o lugar desprazáronse axentes da Policía Nacional da comisaría de Ferrol-Narón, canda efectivos da Policía Local de Ferrol e da Policía Local de Narón.

Finalmente, a Policía Nacional de Ferrol detivo dous mozos de 21 anos de idade e outro de 25 polo presunto abuso e intento de agresión sexual e polas lesións causadas na pelexa, mentres que a Policía Local fixo o propio con outras dúas persoas por un delito de lesións ao esgrimiren armas brancas.

No enfrontamento, varias persoas quedaron feridas e algunhas delas presentaban lesións por arma branca que, segundo as primeiras informacións, non revisten gravidade.

Os axentes detiveron varias persoas e a Policía Nacional fíxose cargo da investigación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade