Detidas dúas persoas na Coruña e desmantelado un narcolaboratorio en Xetafe
No laboratorio incautáronse de 4,6 quilos de cocaína, 5,6 de MDMA e 1,5 de éxtase
A Garda Civil detivo dúas persoas na provincia da Coruña e desmantelou un laboratorio de drogas en Xetafe (Madrid) no marco da operación Cerro Azul, que acabou co comiso de 4,3 quilos de cocaína, 5,6 de MDMA e 1,5 de éxtase.
O operativo da Garda Civil da Coruña empezou a principios deste ano centrado en puntos de venda de miudeza de drogas en locais e zonas de lecer.
Os axentes detectaron un home que se desprazaba de maneira habitual pola provincia da Coruña e distribuía drogas en clubs de alterne, aínda que a súa identificación foi difícil ao tratarse dun estranxeiro sen residencia fixa que non utilizaba vehículos ao seu nome.
Xa en abril foi localizado na cidade da Coruña con outra persoa e ambos os homes foron rexistrados nun operativo en que a Garda Civil atopou 1,15 quilos de cocaína. Estas dúas persoas foron detidas e realizáronse entradas e rexistros nos seus domicilios, situados nas localidades de Xetafe e Arteixo (A Coruña).
No rexistro practicado en Xetafe desmantelouse un laboratorio de procesado de diversas substancias estupefacientes. Entre o apreixado no laboratorio están 4,3 quilos de cocaína, 5,6 de MDMA e 1,5 de éxtase, xunto a outras substancias de corte e instrumental.
Tamén foi comisado un vehículo destinado ao transporte da droga, segundo relata a Garda Civil nunha nota de prensa. Os dous detidos pasaron á disposición xudicial e acordouse prisión provisional para o responsable do laboratorio de Xetafe.