Detido o quinto integrante dunha organización criminal do sur de Pontevedra
O detido, un mozo de 21 anos, atopábase escondido nun inmoble de Ourense
Formaba parte dunha organización criminal que cometía asaltos con violencia no sur de Pontevedra

A Garda Civil detivo en Ourense un mozo de 21 anos considerado como quinto integrante dun grupo criminal responsable de asaltos violentos. Para levalos a cabo, empregaban armas de fogo e operaban en vivendas do sur de Pontevedra.
Esta é a continuación da operación Amorin-Pancenteo, en que xa foron detidas outras catro persoas, das cales dúas ingresaron no cárcere. O último apresado fuxira na primeira fase do operativo.
Ao fuxir, este estaba en paradoiro descoñecido, pero a Garda Civil detívoo o pasado día 9 mentres se atopaba oculto nun inmoble de Ourense.
A estas persoas atribúenselles delitos de pertenza a un grupo criminal, roubo con violencia e intimidación en vivenda habitada, posesión ilícita de armas, tráfico de drogas e roubo con forza, entre outros.
Coa detención, o instituto armado dá por desarmado este grupo criminal da zona sur de Pontevedra. Tiñan episodios como roubo nunha vivenda horas despois do funeral da propietaria.
O quinto detido foi posto ao dispor do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Ponteareas e logo decretouse o seu ingreso en prisión.