Publicador de contidos

Publicador de contidos

Detida unha parella en Lugo que presuntamente repartía cocaína en patinete

Detida unha parella en Lugo que presuntamente repartía cocaína en patinete

Supostamente tamén vendían a droga no seu bar do barrio da Piringalla

Félix Aragunde 02/02/2022 13:40

Unha parella que presuntamente traficaba con cocaína en Lugo acabou detida. Supostamente, vendían a droga no seu bar do barrio da Piringalla e desprazábanse en patinete eléctrico para repartila polo resto da cidade.

Os veciños da zona foron os que deron a voz de alarma. O negocio comezou a levantar sospeitas polo continuo tránsito de persoas que non consumían nada no propio local.

Unha vez alertada a policía, a comisaría luguesa puxo en marcha un dispositivo para vixiar os sospeitosos. Cando realizaron as comprobacións oportunas, os axentes prenderon a parella e comisáronlles unha vintena de doses de cocaína e mais utensilios para manipular a droga.

Manuel Arias, voceiro da comisaría de Lugo: "Detectaron que un dos donos se desprazaba nun patinete eléctrico por diferentes zonas. Non circulaba con normalidade, senón con excesivas precaucións, o que lles fixo sospeitar que estaba utilizando ese vehículo para entregar a droga".

Este non é o primeiro punto de distribución de droga a través de patinete que se desartella en Lugo. A finais do ano pasado fora detido outro presunto traficante que supostamente tamén repartía cocaína no mesmo medio de transporte.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade