Deteñen en Lugo o histórico Fitipaldi tras unha persecución policial
O seu coche quedou encaixado baixo un andamio nunha rúa peonil
A policía prendeu en Lugo o histórico delincuente Marcos Fernández Pena, coñecido como o Fitipaldi. A súa detención produciuse logo de protagonizar unha persecución polo centro da cidade.
Os axentes déronlle o alto cando viron que provocara danos nuns disuasores, pero o condutor fuxiu a gran velocidade pola avenida de Ramón Ferreiro ata chegar a Bispo Aguirre. Unha vez nesta rúa peonil, tratou de pasar por debaixo dun andamio, pero o seu coche quedou encaixado.
Polo camiño, o Fitipaldi derrubou varias cadeiras dunha terraza, aínda que, por sorte, nese momento, a primeira hora da mañá, estaba completamente baleira. Segundo as testemuñas presenciais, o detido mostraba signos de encontrarse baixo a influencia das drogas.
Moisés Corral, encargado dunha cafetería: "Grazas a Deus que eran as oito da mañá e non había ambiente ningún. Estaba o meu veciño colocando a terraza e un señor limpando os cristais. Se chega a ser pola semana, o desenlace podía ser outro".
Fernández Pena conta cun amplo historial delituoso. Fora condenado a sete anos de cadea por matar un home a navalladas en 2003 e a outros dez anos en 2008 por intentar dispararlle a un policía e acoitelar un mozo.