Publicador de contidos

Publicador de contidos

Deteñen dous mozos en Ourense por roubar e lesionar unha parella e abusar da muller

Deteñen dous mozos en Ourense por roubar e lesionar unha parella e abusar da muller

Os arrestados están acusados de asaltar a parella: pedíronlles cartos, golpeáronos e fixeron tocamentos á moza

G24.gal 31/05/2022 10:35

Ocorreu o domingo 22 de maio pasado. Unha parella, que denunciou os feitos, foi abordada nunha praza da zona de viños de Ourense por tres homes novos, que ao chegaren á súa altura lles pediron diñeiro.  

Cando a parella se negou, os tres mozos comezaron a increpalos e a dicirlle ao home "déixanos a moza e lárgate", ademais de cortarlles o paso para evitar que fuxisen do lugar. Nese momento, sinala a policía, insistiron en dicirlle: "Se queres irte dános todo o diñeiro que teñas".   

Mentres a parella tentaba marchar do lugar, o mozo foi empuxado e caeu ao chan; nese momento, un dos mozos comezou a agredilo con patadas e puñadas, "evitando que puidese incorporarse".  

Cando a moza tentou mediar para que deixasen de golpear a súa parella, empuxárona e tiráronlle as lentes ao chan, á vez que comezaron a realizarlle tocamentos, apunta a policía.  

Nese momento a moza puido ver de lonxe dúas patrullas de Policía Nacional, polo que comezou a berrar e escapou correndo cara a elas. Nese momento os agresores fuxiron do lugar.  

Tras informar os axentes do sucedido, as patrullas comunicaron as características físicas dos agresores ao resto dos axentes en servizo e foron identificadas nas inmediacións dúas persoas que coincidían coas súas características.

Así mesmo, e despois de ser atendida inicialmente por unha ambulancia, no lugar, que lle limpou as feridas, a parella trasladouse ao Punto de Atención Continuada (PAC) da zona para recibir asistencia sanitaria.  

Realizadas as tarefas de investigación correspondentes polo Grupo UDEV da Comisaría Provincial de Ourense, e tras confirmar a identificación dos presuntos agresores, o mércores pasado, día 25, procederon á detención de dous deles.  

Os detidos, de 21 e 23 anos, foron postos a disposición xudicial, e o primeiro deles ingresou en prisión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade