Deteñen dous menores en Ferrol acusados de agredir un home cunha cadeira de terraza
A vítima, de 52 anos, tivo que ser trasladada ao Hospital Arquitecto Marcide
A Policía busca un terceiro menor, que podería ser o principal agresor
Despois dun breve intercambio de palabras, comeza a malleira. Dous mozos pegan puñazos ao home e o terceiro golpéalle a cabeza cunha cadeira de terraza.
Sucedeu na madrugada do domingo, cando as cafeterías da praza da Constitución xa pecharan e sen que transcenderan os motivos da liorta. A vítima, un veciño de Ferrol de 52 anos, quedou tirada no chan rodeado dun gran charco de sangue. Unha ambulancia encargouse de trasladalo ao Hospital de Ferrol, onde recibiu varios puntos de sutura na cabeza. Mentres, a Policía buscou pola zona os presuntos agresores. E deu con dous deles no baño dun local da rúa Pardo Baixo.
Os detidos, de 17 anos, naturais de Narón e Ferrol negáronse a declarar e están pendentes de facelo ante a Fiscalía de Menores. Queda por identificar o terceiro menor supostamente implicado na malleira, que podería ser, ademais, o que usou a cadeira para golpear a vítima.