Publicador de contidos

Publicador de contidos

Investigados outros dous menores pola agresión a un mozo no Entroido do Hío

Investigados outros dous menores pola agresión a un mozo no Entroido do Hío

O único detido foi posto en liberdade cunha orde de afastamento da vítima e coa obriga de realizar un curso de control de impulsos

O mozo agredido recibiu unha coitelada nunha perna e foi atendido no Álvaro Cunqueiro 

G24.gal 20/02/2026 16:54

A Garda Civil investiga outros dous menores que estarían implicados na agresión cunha arma branca a un mozo de 17 anos no Entroido da parroquia do Hío, en Cangas.

Liberdade vixiada 

O único detido, tamén desa idade, foi posto en liberdade vixiada pola Fiscalía de Menores de Pontevedra, que decidiu tamén poñerlle unha orde de afastamento de 200 metros da vítima así como a obriga de realizar dous cursos: un de desintoxicación e outro de control de impulsos, ata que se celebre o xuízo. 

Nun comunicado, a Garda Civil explica que as 21.00 horas do pasado luns, 16 de febreiro, comezou unha discusión entre menores de 17 anos, ameazándose e dándose empuxóns. Pasados uns minutos, un dos menores que protagonizara o altercado, regresaría ao lugar en compañía doutros dous mozos e, ao decatarse da presenza da vítima, comezarían a empuxalo ata acurralalo contra o muro dunha vivenda.

Coitelada nunha perna 

"Sen mediar palabra, unha terceira persoa abriu paso entre eles e propinou unha coitelada cun obxecto punzante e cortante á altura do coxa-ingua da perna dereita da vítima", apunta a Garda Civil, indicando que, tras iso, tanto o autor como o ferido abandonaron o lugar. A vítima sentiu máis tarde que a perna a tiña parcialmente durmida e, ao levar a man á ferida, observou que da mesma saía sangue, polo que pediu axuda, sendo trasladado ao Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se lle realizaron puntos de sutura.

A investigación da Garda Civil permitiu a identificación de dous menores de 17 anos, veciños de Cangas, que supostamente participaron tamén na liorta, mentres que foi detido un terceiro, tamén desa idade, como presunto autor da agresión. Estes feitos, xunto ao menor arrestado, foron entregados á Fiscalía de Menores de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade