Galicia non detectou casos de hepatite aguda en nenos, pero activa a alerta
En España detectáronse tres casos desta enfermidade e un dos menores precisou un transplante de fígado

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) non detectou ningún caso de hepatite aguda en menores, pero activou a alerta para que todos os profesionais de Atención Primaria, urxencias hospitalarias e extrahospitalarias (PAC) e os servizos de pediatría dos hospitais permanezan vixiantes ante esta enfermidade.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, afirmou esta mañá que o Sergas está alerta, despois de que o Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias, dependente da Dirección Xeral de Saúde Pública do Ministerio de Sanidade, informara onte as comunidades autónomas da detección de varios casos de hepatite aguda, de orixe descoñecida, en mozos menores de 10 anos.
A Consellería de Sanidade da Comunidade de Madrid informou, nas últimas horas, da detección de tres casos de hepatite aguda severa. Os pacientes son nenos de entre 2 e 7 anos, procedentes de Madrid, Aragón e Castela A Mancha. Un deles requiriu dun transplante de fígado. Os tres están ingresados nun hospital madrileño e evolucionan favorablemente.
Son os primeiros casos detectados no noso país tras lanzarse unha alerta internacional polos máis de 70 casos rexistrados no Reino Unido nas últimas semanas. Por agora descoñécense as causas desta infección, pero si se descarta por completo calquera relación coa vacina do covid.