Desmantelan un grupo que utilizaba menores con patíns eléctricos para repartir droga en Sevilla
A Garda Civil detivo 26 persoas
Atendían pedidos por teléfono e mensaxes as 24 horas do día
Servizo de tele-coca na localidade sevillana da Algaba, 24 horas ao día e con repartición a domicilio por medio de patíns eléctricos e bicicletas roubadas. Era o modus operandi da organización especializada na distribución de drogas e tabaco de contrabando no último golpe contra o narcotráfico en Sevilla. A operación saldouse con 26 detidos.
O grupo, que utilizaba menores para facer as entregas con este medio de transporte e evitar controis policiais, conforme informa a Garda Civil, usaba grupos de mensaxería instantánea para avisar da presenza policial. Tomaban moitas medidas de seguridade para a distribución.
Estaban asentados nas localidades sevillanas de Pilas, Aznalcázar e Aznalcóllar, onde mantiñan abertos distintos puntos de venda e distribución.
O comezo das investigacións remóntase a varios meses atrás cando se detectaron distintos delitos contra as persoas, enfrontamentos a tiros e axustes de contas, entre outros con intentos de fuga de vehículos.
Os investigadores descubriron que a organización tiña unha rama en Alacant, onde os narcos mercaban clonacepam, un medicamento prescrito principalmente a toxicómanos. Enviaban a substancia a Marrocos, onde o prezo se duplica, e cociñábana con haxix para elaborar "Karkubi", que despois introducían en España.
Trátase dunha nova droga que xera un risco para a saúde, xa que afecta ao sistema nervioso central do que a consome e provoca alucionacións e alteracións na conduta.
Nos rexistros efectuador por 200 axentes lcalizáronse 430 pastillas de clonacepam, máis de 200 gramos de cocaína, heroína, cogollos de marihuana, haxix, tabaco picado e 6.700 paquetes, ademais de armas, básculas, 20.000 euros en efectivo, vehículos e patíns.