Desmantelan en Cea un punto de 'quedadas' para facer carreiras ilegais
Os axentes da Garda Civil chegaron a contabilizar máis de 100 vehículos e un cento de persoas asistentes
Catro persoas están investigadas por delitos contra a seguridade do tráfico e ducias máis foron denunciadas
A Garda Civil do subsector do Tráfico de Ourense desmantelou ao longo do mes de abril un punto para realizar quedadas no que se facían carreiras ilegais nun polígono industrial de Cea.
Os axentes monitorizaron e controlar distinta información aparecida en diversas redes sociais e servizos de mensaxería telefónica, onde se concretaban as citas para participar nesas reunións de vehículos.
Unha vez contrastada a veracidade da información, por parte do Grupo de Investigación e Análise de Tráfico (GIAT) do subsector de tráfico da Garda Civil de Ourense montáronse dispositivos técnicos e discretos sobre a zona de actuación.
Alí os axentes puideron comprobar in situ como centos de persoas congregábanse para participar ben como condutores, ben como público, nun espectáculo consistente en realizar diversas condutas perigosas ou temerarias ao volante, co público asistente a escasos metros das desas accións.
Nestas reunións realizábanse aceleracións, derrapaxes, e competicións de velocidade -as denominadas lanzadas-, onde unha persoa situada no centro da calzada dálle “a saída” a vehículos de dous en dous, un en cada carril de circulación.
Do resultado do operativo, no que interviñeron, alén do GIAT Ourense e GIAT A Coruña, distintas unidades da comandancia da Garda Civil de Ourense como o subsector de tráfico, o equipo pegaso (drons), o servizo cinolóxico (cans) e a USECIC, unidade especializada no control de masas, finalizouse coa investigación de 4 persoas por delitos contra a seguridade viaria, que poden chegar a castigarse con tata seis meses de prisión e con multas de doce a vintecatro meses.
Así mesmo, formuláronse 43 denuncias administrativas, contra outras tantas persoas participantes nestas quedadas.
Tamén se investiga un posible delito de desproteción de menores, castigado coa pena de prisión de un a dous anos.
Desde a Agrupación de Tráfico da Garda Civil lémbrase que as concentracións ilegais de vehículos e as competicións non autorizadas en vías públicas supoñen unha grave ameaza para a seguridade viaria e a convivencia cidadá.
“Non estamos ante simples concentracións de vehículos, senón ante condutas organizadas que poñen en risco a integridade de condutores, acompañantes e demais usuarios da vía, e poden derivar en infraccións administrativas e responsabilidades penais conforme á lexislación vixente, como foi o caso”, comenta o capitán Javier Barja, xefe do subsector de tráfico.
Ao mesmo tempo, as autoridades fan un chamamento a colaboración cidadá, para dar conta de calquera información relacionada con este tipo de accións.