Desesperados polas continuas avarías do ascensor nun inmoble da Sardiñeira, na Coruña
Moitos veciños optaron por utilizar o elevador só para meter as bolsas da compra
Desde Naturgy din que a causa principal do problema está nunha instalación particular allea á distribuidora eléctrica da compañía
Malia que esta mañá si funcionaba o ascensor, Estrella non se fía e segue baixando polas escaleiras.
"Porque para e teño medo a quedar pechada".
E non é a única. Poucos arriscan a quedar pechados no ascensor porque as avarías que sofre son constantes.
"Esta fin de semana fallou cinco veces".
Unha situación que, segundo din, veñen sufrindo case desde que o instalaron hai quince meses.
"Aquí hai xente maior... No segundo vive un home que está en cadeira de rodas, no sexto hai un bebé...".
Aseguran estar fartos de chamar a Naturgy.
"Non nos din nada".
E aínda por riba din que, cada vez que vén un técnico, teñen que pagar a factura.
"200 euros, 500 euros..., pero iso imos reclamarllo a Naturgy", explica Yayo García, o presidente da comunidade de veciños.
Desde Naturgy explicáronnos que a causa orixinal deste problema está nunha instalación particular allea á distribuidora eléctrica da compañía e que tras localizala, quedou resolta. Con todo, aseguran que ao longo desta semana realizarán un seguimento exhaustivo.