Desarticulada unha rede que pretendía introducir cinco toneladas de cocaína en España
A organización ocultaba a droga nun portacontedores en mar aberto e planeaba introducila polo río Guadalquivir
A Policía Nacional, en colaboración coa National Crime Agency (NCA) do Reino Unido e a Policía Xudiciaria de Portugal, desarticulou unha organización criminal que pretendía introducir preto de cinco toneladas de cocaína en España mediante o coñecido como método dos "micos", que consiste en escalar un buque en mar aberto para ocultar a droga entre a carga.
O operativo desenvolveuse por mar e aire sobre portacontedores de 260 metros de eslora, localizado a 600 millas náuticas do arquipélago dos Azores. No seu interior, os axentes atoparon 163 fardos de coaína, escondidos entre máis de 20.000 contedores.
Introdución polo Guadalquivir
Segundo a investigación, a organización criminal colombiana pretendía exraer posteriormente a droga en mar aberto mediante o sistema coñecido como drop off, para cargala en embarcacións lixeiras e introducila en España a través do río Guadalquivir.
A intervención policial permitiu interceptar o buque antes de que a droga fose retirada. A embarcación foi desviada ao porto portugués de Sines, onde se incautou a cocaína.
Na operación foron detidos un dos chamados "notarios", encargado de supervisar o cargamento, un polisón colomiano e outro membro da tripulación, aos que se lles atribúen delitos de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal. Os tres ingresaron en prisión por orde xudicial.