Desarticulada en Galicia unha organización que emitía certificados falsos de antíxenos e PCR
Hai catro detidos, entre eles o suposto líder, que foi detido no Milladoiro
A Policía Autonómica conseguiu documentar preto de 4.000 falsificacións
As clínicas, no Milladoiro, Santiago e Vilagarcía, xa foron clausuradas pola Inspección Sanitaria da Xunta de Galicia
A Policía Autonómica desarticula unha organización que facilitaba certificados falsos de PCR e probas de antíxenos da covid-19. A emisión destes certificados realizábana a través de varias clínicas das provincias da Coruña e Pontevedra.
Na operación detiveron tres persoas e investigan unha cuarta.
A investigación comezou en xaneiro, cando a Consellería de Sanidade solicitou a colaboración da Policía Autonómica tras detectar que unha clínica do concello coruñés de Ames supostamente manipulara o resultado dunha proba de diagnóstico de covid, segundo informa a Xunta de Galicia.
Tras a investigación, denominada operación Xermánica, localizaron un total de tres sedes da organización, aínda unha delas xa non estaba operativa nese momento. As outras dúas localizacións seguían tomando mostras e emitindo certificados falsos das probas de covid; eran unha clínica no Milladoiro, en Ames, e outra en Vilagarcía de Arousa.
No decurso da operación detiveron 3 persoas, e posteriormente, unha cuarta, o considerado líder da organización, que operaba desde a sede no Milladoiro, segundo informou a Policía Autonómica.
Os investigadores conseguiron documentar preto de 4.000 falsificacións documentais dentro dos expedientes incautados nos rexistros realizados. Ademais, a policía di que as clínicas seguramente "expediron un maior número de certificados".
"Coa imaxe de solvencia que deu a organización en Santiago, foron unha clínica de referencia para moitas empresas que recomendaron este centro de saúde aos viaxeiros", subliña a Policía Autonómica, en relación a albergues, hoteis, estacións de pasaxeiros, aeroporto e outros.
Os certificados falsos que emitían as clínicas contaban co logo das clínicas e un código QR "aparentando todos os requisitos legais para viaxar ao estranxeiro, pero realmente sen validez legal", destaca o informe.
As clínicas non cumprían os "requisitos legais de saúde para o seu funcionamento como centro de saúde", parte dos traballadores carecían da titulación sanitaria necesaria e tampouco cumprían os requisitos da Lei de Protección de Datos, segundo o informe da Policía Autonómica
Os pacientes tiñan que asinar un consentimento informado e un documento de protección de datos. O custo da proba era de 30 euros, cando se trataba dunha proba de antíxeno, e de 120 euros se se trataba dunha PCR.
As clínicas xa foron clausuradas pola Inspección de Servizos Sanitarios da consellería de Sanidade, segundo informa a Xunta de Galicia.